Arrinca Galiciencia 2026 con mancheas de proxectos innovadores e sorprendentes

mércores, 13 de maio do 2026 S. P.

Galiciencia, a feira científica escolar organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), abriu as súas portas este mércores 13 de maio coa ciberseguridade como tema central das actividades previstas. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
O certame, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, vai reunir ata o venres a máis de 3.500 participantes en torno ás diferentes actividades programadas.
Nesta edición participan 104 proxectos: 50 presenciais e 20 en liña de Secundaria e Bacharelato; e 30 presenciais e 4 en liña de Primaria.
Segundo informou a organización, hai propostas moi variadas e dos eidos máis diversos, “aínda que a maioría céntranse na ciberseguridade”.
Así, un equipo ideou un labirinto interactivo que simula o interior dun dispositivo, para ensinar á mocidade a protexer a súa identidade dixital.
Ademais, hai varias aplicacións para evitar estafas e poder navegar na Rede de xeito seguro; outra permite analizar as fotos antes de publicalas co fin de detectar riscos para a privacidade; unha páxina web determina en tempo real a seguridade dos contrasinais…
Tamén destaca un semáforo impreso en 3D que transforma o risco dixital en sinais visuais e sonoros. E, ademais, un grupo está a poñer a proba aos asistentes, demostrando como a intelixencia artificial é capaz de crear imaxes, sons e mesmo olores que identificamos como reais.
Tocando xa outras temáticas, a Tecnópole tamén destaca proxectos como unha caixa intelixente para transportar os restos que aparecen nos xacementos arqueolóxicos ou un gran xogo dixital que consiste na construción dunha maqueta interactiva dun centro educativo para axudar a resolver e comprender conceptos matemáticos de xeito lúdico.
Ademais, un grupo desenvolveu un museo virtual para dar a coñecer a riqueza histórica do seu concello e outros novos investigadores construíron unha caixa de Faraday, que anula o campo eléctrico no seu interior, para gardar os teléfonos móbiles na aula.
A maiores, un equipo deseñou emisoras de radio caseiras, independentes da rede eléctrica, de utilidade nunha situación de emerxencia na que fallen os sistemas de comunicación habituais.
Ademais, son varios os proxectos vencellados ao medio ambiente e a sostibilidade. Así, expóñense diferentes propostas para detectar, previr e recuperar o solo queimado tras un incendio forestal: uns rapaces amosan como aproveitar as cinzas para fabricar ladrillos; outros desenvolveron unha espuma de orixe vexetal con alto poder ignífugo, capaz de cubrir a vexetación e axudar a frear a propagación do lume... Un equipo creou unha boia para controlar a calidade da auga en acuicultura, co fin de garantir a saúde dos organismos mariños. Un dos proxectos baséase na recuperación de auga residual en edificios para convertela en enerxía, outro propón a utilización de plantas para depurar auga contaminada, e un sistema de rega intelixente aforra o consumo de auga e optimiza o coidado das plantas.
A Tecnópole tamén salienta propostas “tan curiosas” como un esmalte de uñas vegano, elaborado con ingredientes naturais, que evita os riscos para a saúde que provocan os compostos químicos de moitas lacas comerciais. Un dos equipos estudou os restos de naufraxios na ría de Vigo. Outro investigou se a cor dos ollos afecta ao desenvolvemento de enfermidades visuais. E tamén hai proxectos de impacto social, como o uso da música para mellorar a memoria das persoas maiores; ou un sistema intelixente para regular a temperatura da calefacción, adaptado ás persoas maiores ou con necesidades especiais.
Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous obradoiros diferentes. Por un lado, están a coñecer diferentes trucos para elaborar contrasinais orixinais e o suficientemente seguros como para resistir posibles ciberataques. Por outro lado, a rapazada está a coñecer a realidade dos cibercebos, informacións falsas que buscan a nosa atención para lucrarse. Neste obradoiro os participantes están a recibir as claves para saber cando e onde debemos clicar, e cando non.
Este xoves 14 de maio, entre as 11 e as 12 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de YouTube de Tecnópole. Ademais, celebrarase a final do desafío científico Atrévete coa ciberseguridade!, no que durante os últimos meses participaron de xeito en liña equipos de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia.