Apple renova os seus reloxos conectados

martes, 12 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O evento de Apple desta tarde abriu cos novos reloxos da compañía da mazá, comezando polo Apple Watch Series 9, que incrementa as súas prestacións e capacidades grazas ao novo SiP S9, potencia o xesto de dobre pulsación que pode facerse cos dedos da man que levan posto o reloxo (o que resulta especialmente práctico cando se ten a outra man ocupada, e que até o momento formaba parte das funcións de accesibilidade), a súa pantalla conta cun brillo de até 2.000 nits, a localización do iPhone mellora en precisión, mellora o seu control mediante Siri, pode empregarse para manexar a reprodución musical nun HomePod e outras funcións que chegan mantendo unha autonomía dunhas 18 horas de uso, que prometen ser dabondo para un día normal.
Este novo reloxo pode reservarse xa, chegando ao mercado o vindeiro día 22 a un prezo que parte dos 449 euros para a súa versión de aluminio cunha caixa de 41 milímetros.
O reloxo resistente de Apple tamén se renova, e temos así o Apple Watch Ultra 2, que tamén incorpora o novo SiP S9 e o xesto de dobre toque, sendo probablemente o máis reseñable deste novo modelo que chegará o día 22 ás tendas a un prezo que parte dos 899 euros, ou sexa, 100 euros menos que o seu modelo anterior, que curiosamente está a ter unha acollida mellor da que podería esperarse a un prezo tan elevado.
O Apple Watch Ultra 2 ten agora unha pantalla cun brillo de 3.000 nits, estrea unha esfera Modular Ultra (con datos en tempo real no borde da pantalla para aproveitar a súa ampla superficie) e mantén a súa autonomía en 36 horas de uso (e até 72 horas en modo de baixo consumo).

O xesto de dobre toque gaña protagonismo nos novos reloxos de Apple

Vídeo promocional do Apple Watch Series 9

PUBLICIDADE