Apple renova os iPhone contendo o prezo

martes, 12 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Os novos iPhone presentáronse esta tarde, confirmándose o que viña rumoreándose nas últimas semanas, como as diferencias entre os modelos normal e Pro, ou a incorporación do porto USB-C para cumprir a lexislación europea, aínda que este ano podemos agradecer que en vez de ter un rango de prezos de entre 1.009 e 2.119 euros pasan a prezos de entre 959 e 1.969 euros, o que supón unha moderación nos prezos europeos.

iPhone 15 e 15 Plus

Os iPhone 15 e 15 Plus chegarán con pantallas de 6,1 e 6,7 polgadas respectivamente, resultando bastante curioso que saíse a versión de grande tamaño despois das malas vendas do iPhone 14 Plus. Estes novos iPhone chegarán con procesador A16 Bionic; inclúen a Dynamic Island, cámara principal de 48 Mpíxeles e un novo teleobxectivo 2x que permite así elixir entre 3 niveis de zoom óptico na cámara traseira; a pantalla Super Retina XDR ten agora 1.600 nits para os contidos HDR e un brillo máximo en exteriores de 2.000 nits; e a incorporación do USB-C neste móbil resultará decepcionante para moitos, xa que inclúe só carga rápida a 20 watts (mentres que a carga sen fíos soporte carga a 15 watts) e a transmisión de datos limítase ao estándar USB 2 (até 480 Mb/s), polo que apenas habería melloras con respecto ao vello conector Lightning.
O iPhone 15 parte dun prezo de 959 euros, mentres que o iPhone 15 Plus parte de 1.109 euros, e poderanse adquirir en 5 cores (azul, rosa, amarelo, verde e negro) e 3 capacidades de almacenamento (128 GB, 256 GB e 512 GB).

Vídeo promocional dos iPhone 15

iPhone 15 Pro e 15 Pro Max

As grandes novidades chegan para os modelos iPhone 15 Pro e 15 Pro Max, que non só funcionan cun potente procesador A17 Pro, senón que tamén destacan por un cambio de deseño que é moi patente nos materiais, xa que o seu marco é agora de titanio de calidade aeroespacial, conseguindo así maior resistencia e unha redución de peso que realmente resulta de agradecer.
Tamén resulta salientable o cambio do interruptor de silencio por un botón de Acción, que pode empregarse para activar/desactivar o son, ou para acceder rapidamente á cámara, á lanterna e moitas outras opcións en función das nosas preferencias.
O procesador A17 Pro destaca por ser o primeiro procesador móbil fabricado a 3 nanómetros, conseguindo unha mellora de até un 10% de CPU e 20% de GPU, á vez que tamén integra por hardware o codec de vídeo AV1 e introduce o trazado de raios por hardware, o que contribúe a que vaian contar con versión completa para iPhone os xogos Resident Evil Village e Resident Evil 4, e sendo especialmente salientable que o xogo Assassin’s Creed Mirage sexa a primeira grande versión da franquía que aparte de ordenadores e consolas terá tamén versión para iPhone.
Os novos iPhone 15 Pro contan cunha cámara principal de 48 Mpíxeles que capta imaxes e vídeo con grande calidade, permitindo elixir entre tres distancias focais de uso habitual (24, 28 e 35 milímetros), incorporando tamén un teleobxectivo de tres aumentos, mentres que o iPhone 15 Pro Max ten un zoom óptico de cinco aumentos e 120 mm, incrementando as posibilidades do iPhone tanto para captar imaxes a distancia como para realizar impresionantes primeiros planos. Deste xeito o iPhone empregar a súa cámara como se contase con 7 obxectivos diferentes.
Antes de que remate o ano tamén está previsto que os iPhone 15 Pro reciban a opción de gravar vídeo espacial, ou sexa, que poden empregar dous obxectivos á vez durante a gravación de vídeo para que, facendo uso do vídeo computacional, xerar unha imaxe volumétrica que poida verse de xeito inmersivo utilizando o futuro dispositivo Apple Vision Pro.
O porto USB-C destes móbiles permite carga de até 20 watts, pero a nivel de datos non se limitan a USB 2, senón que chegan a USB 3, con velocidades de transmisión de até 10 Gb/s, o que poderán aproveitar os profesionais para funcións como poder revisar sesións fotográficas coa aplicación Capture One ou para poder gravar vídeo en unidades de almacenamento externas.
O iPhone 15 Pro con pantalla de 6,1 polgadas ten un prezo de partida de 1.219 euros, mentres que o iPhone 15 Pro Mac con pantalla de 6,7 polgadas parte dos 1.469 euros. Venderase en 4 cores (titanio natural, titanio azul, titanio branco e titanio negro) con 4 capacidades para o modelo Pro (128 GB, 256 GB, 512 GB e 1 TB) e 3 para o modelo Pro Max (256 GB, 512 GB e 1 TB).

Vídeo promocional dos iPhone 15 Pro

PUBLICIDADE