Apple podería ter vendido anticipadamente 200 mil Vision Pro

martes, 30 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro venres chega ás tendas de Apple nos EE.UU. o agardado dispositivo Vision Pro, visor de realidade estendida que ten un prezo de partida de 3.500 dólares, polo que non semellaba que fose ter unhas vendas iniciais moi elevadas, pero os pedidos iniciais poderían ter superado todas as expectativas, xa que tras rumorearse que a fabricación inicial de visores estaría entre as 60 e 80 mil unidades, e as estimacións de que as vendas iniciais poderían estar entre as 160 e 180 mil unidades, unha filtración desvela que en 10 días terían vendido 200 mil unidades.
A cantidade de visores vendidos sorprende polo feito de que nos últimos días podiamos comprobar como moitas tendas físicas aínda ofrecían a posibilidade de adquirir o visor para recibilo na fin de semana do lanzamento, o que probablemente foi un factor que afectou moito aos especuladores que querían facer negocio revendendo visores a prezos esaxerados (o que non está a saír nada ben en plataformas como eBay). Pero non podemos esquecer que Apple pode organizar as entregas con certa flexibilidade, contando tamén con dispositivos que aínda están en produción.
Os analistas si que queren ser prudentes ao facer estimacións de vendas a longo prazo (inicialmente proxectaban unhas vendas anuais superior ao medio millón de unidades), pois contan con que practicamente todos os interesados en facerse coas Vision Pro polo seu prezo de lanzamento vaian ter as súas unidades nas primeiras semanas, de xeito que despois caería a demanda de xeito abrupto, abrindo a porta á distribución internacional (que comezaría por Canadá e Reino Unido).

PUBLICIDADE