Apple TV chega a Xbox

luns, 2 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de semanas Sony anunciou as plataformas de streaming que estarán dispoñibles de lanzamento en PlayStation 5, e agora Microsoft fai o mesmo coas súas consolas Xbox Series X/S, destacando principalmente que o vindeiro día 10 entre as aplicacións incluídas nas novas consolas figurará a de Apple TV (aplicación que tamén estará dispoñible para Xbox One). Abrindo o acceso aos contidos de Apple TV+ nas consolas Xbox, o que pode sorprender a algúns que vexan a Microsoft como empresar rivais historicamente (aínda que na práctica colaboran en numerosas ocasións).
Outras aplicacións que chegan de saída ás novas Xbox son Netflix, Disney+, Spotify, YouTube, Amazon Prime Video e Twitch, entre moitas outras que mudan en función dos mercados (por exemplo, HBO Max e Hulu son aplicacións dispoñibles de saída, pero eses servizos só están presentes nos EE.UU.), potenciando o uso das consolas Xbox como dispositivo de reprodución multimedia, o que en moitas ocasións agradecen os usuarios de televisores que actualmente ofrecen unha mala experiencia como Smart TV (por carecer de aplicacións ou incluso por funcionar cun rendemento moi baixo). Cómpre lembrar tamén que dende a Xbox One S é posible gozar de reprodución multimedia en 4K con HDR pese a que a máquina non teña potencia dabondo para correr xogos con tal calidade, ou sexa, que o apartado de reprodución multimedia está optimizado dende hai tempo e, de feito, Microsoft ten mando a distancia multimedia como accesorio oficial dende hai anos (mentres que a PlayStation 4 nunca tivo tal).

PUBLICIDADE