Antena 3 ofrece á carta 2 das súas series de ficción

luns, 21 de maio do 2007 Marcus Fernández

Nos E.UU. as distintas grandes canles de televisión levan bastante tempo facendo distintas apostas pola Internet para adaptarse á tendencia actual de consumo audiovisual (o que non afectou negativamente á súa audiencia, agás no caso das reposicións), e Antena 3 parece querer facer o propio en España, xa que vai comezar a ofrecer na Rede e de balde o contido íntegro das súas novas producións de ficción, Círculo Rojo e El Internado.
Esta nova aposta financiarase grazas ós anuncios emitidos dentro das propias series, que se publicarán na Internet uns días despois da súa emisión televisiva, o que resulta especialmente interesante para os seguidores das series que se perden algún episodio e poden así retomar a serie de xeito doado (o que resulta moi beneficioso á hora de manter espectadores fieis). De feito, non só se poderán ver só os episodios íntegros, senón que tamén será posible revisar os momentos máis interesantes ou recuperar as escenas chave na trama argumental.
Nesta estrea, a serie Círculo Rojo xa permite ver na Rede os seus 2 primeiros episodios, mentres que El Internado aínda se estrea o vindeiro día 24, polo que haberá que agardar a que se emita por televisión a súa primeira entrega para a súa incorporación á grella de televisión á carta de Antena 3.
A emisión das series se realiza mediante tecnoloxía de streaming, cunha calidade máis que aceptable que permite incluso a súa visualización a pantalla completa, algo no que contrasta con outras televisión españolas que tamén permiten a visualización de certos programas na Rede. Estariamos así ante a primeira televisión que fai a aposta pola Rede dun xeito decidido, posto que as iniciativas comparables son bastante mais tímidas.

PUBLICIDADE