Antena 3 estrea a súa primeira serie na Rede

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

David Velduque, Trinidad Jiménez, Marisa Ruiz, Pepe Viyuela, Carmen Ruiz, Carolina Bang ou Carlota Boza son algúns dos actores e actrices que Antena 3 acaba de fichar para darlle vida a uns Desalmados moi singulares, os primeiros en protagonizar unha serie de ficción exclusivamente en liña para a web da cadea de Planeta.
Logo de impulsar varias canles de TDT e interactuar a reo cos internautas na súa web, a cadea privada estréase agora cunha serie en Internet, imitando o labor da competencia directa Telecinco, que xa ten feito varias webseries, entre as que destaca Becarios.
Trátase dunha comedia negra con tintes fantásticos, cuxos protagonistas traballan nunha oficina de clasificación de almas chamada Limbo S.A.
Pascual e Gertrudis (David Velduque e Trinidad Jiménez) son os encargados de distribuir as almas dos mortos pola porta A ou B, dependendo do seu comportamento en vida.
Os capítulos desta serie (que pinta interesante) poderanse seguir cada quince días a través da web oficial de antena 3, onde aparecerá complementada con diversos contidos adicionais como fotos, vídeos ou entregas especiais de contido temático.
Ademais, haberá un blog no que se darán a coñecer as interioridades da produción e poderán subirse ligazóns a Facebook, Tuenti e YouTube, entre outras redes sociais.

PUBLICIDADE