Android comeza a gañar terreo ao iPhone nos EE.UU.

mércores, 28 de abril do 2010 Marcus Fernández

Android gaña moito peso na navegación web nos EE.UU.

O iPhone converteuse nun produto revolucionario por facer posible o negocio da venda de aplicacións para dispositivos móbiles e por popularizar a navegación dende o móbil, pero neste último apartado podería estar a perder peso, cando menos nos EE.UU., onde un informe de AdMob detecta que os terminais con iPhone OS perderon posicións fronte os que levan Android dentro das páxinas web controladas, o que parece estar provocado en boa medida polas importantes vendas do Motorola Droid (terminal comercializado en España coma Motorola Mileston) que poderían compararse ás do iPhone, en boa medida por contar cunha forte campaña de márketing.

Nos últimos 7 meses medrou considerablemente a diversidade de terminais con Android

O mercado de aplicacións do iPhone continúa a ser moi superior ao de Android, pero o feito de que a navegación web estea a cobrar peso en Android podería indicar que o sistema operativo promovido por Google está a ter unha importancia moi superior á percibida, en boa medida porque ao estar instalado en ducias de terminais, resulta difícil facer visible o seu éxito.
Segundo os datos manexados por AdMob nos EE.UU., os móbiles con Android xa ocuparían o 46% do tráfico web móbil, seguido do iPhone OS co 39%, aínda que a nivel mundial o iPhone (46%) continuaría a superar a Android (25%), mentres que os terminais con Symbian, Windows Mobile ou BlackBerry quedarían cun tráfico que poderiamos considerar residual.

O Motorola Droid parece ser a chave do éxito de Android nos EE.UU.

Se analizamos por separado a plataforma Android vemos coma hai 7 meses o 96% do tráfico deste sistema operativo viña dos terminais HTC Dream e HTC Magic, pero o mes pasado a diversidade fíxose notar, e son 11 móbiles os que repártense a mesma cota de tráfico, situándose claramente en cabeza o Motorola Droid con 32%, mentres que o Nexus One tivo que conformarse cun 2%, o que parece indicar que a expectación provocada polos medios de comunicación non teñen un reflexo directo no seu éxito comercial, aínda que posiblemente iso estea causado máis polas políticas de venda e promoción que polas bondades dos terminais.
No tocante ao iPhone OS tamén resulta revelador ver que o iPhone 3GS xa ocupa o 39% do tráfico, seguido pola segunda xeración do iPod Touch (25%) e o iPhone 3G (20%), confirmándose que os primeiros iPhone e iPod Touch están en vías de extinción (con cadanseu 2%).
A tenor destes resultados tanto para iPhone OS coma para Android entendemos que a taxa de renovación de terminais en usuarios moi activos é elevada, e parece limitada principalmente polos compromisos de permanencia das operadoras de telefonía móbil, de xeito o cambio de móbil cada 18-24 meses parece algo natural.

PUBLICIDADE