Amosan como será o vindeiro xogo de Indiana Jones

xoves, 18 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Esta tarde tivo lugar un Xbox Developer_Direct no que pretendíase afondar en cinco novos xogos que chegarán a Xbox Series X|S, PC, Game Pass e/ou o xogo na nube, e que chegarán ao mercado este mesmo ano.
Detallaron que o 21 de maio lanzarán Senua’s Saga: Hellblade II, que no verán teremos Visions of Mana e que no outono chegarán Ara: History Untold e Avowed; pero todos estes títulos quedaron totalmente eclipsados por Indiana Jones y el Gran Círculo, que nos convida a somerxernos nunha aventura en primeira persoa ambientada entre Indiana Jones: en busca del arca perdida e Indiana Jones y la última cruzada.
Neste traballo de MachineGames (estudio detrás de Wolfenstein: The New Order e Wolfenstein: The New Colossus) teremos que meternos na pel do célebre arqueólogo cinematográfico no ano 1937, cando un grupo con escuras intencións quere facerse co poder segredo do Grande Círculo, o que haberá que evitar a toda costa.
No evento de Xbox puidemos ver 13 minutos de xogo, polo que xa sabemos que estamos ante un título de exploración, acción inmersiva e quebracabezas, no que percorrer un mundo cheo de misterios (explorando dende as aulas da Universidade Marshall até o Vaticano, as pirámides de Exipto ou os templos somerxidos de Sukhothai).
Os interesados neste título xa poden engadilo á listaxe de desexos da tenda de Xbox e mesmo en Steam, polo que entendemos que pretende chegar a un público bastante amplo, sen limitarse aos incondicionais de Xbox.

Primeiro tráiler de Indiana Jones y el Gran Círculo

PUBLICIDADE