Alumni USC presenta o seu portal de emprego ante o empresariado do Tambre

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre e maila Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC) celebraron este 4 de maio un encontro presencial e virtual no Centro Empresarial do Tambre no que se presentaron ante ante as empresas da contorna as bases do portal de emprego de Alumni USC, destinado a firmas da nosa terra que estean na procura de talento para os seus equipos.
Participaron no acto o presidente da asociación empresarial, José Fernández Alborés, o secretario, Ramón Lois, e o xerente, José Manuel Beceiro; así como a xestora técnica de Alumni USC, Inés Toca, e a vogal da entidade, Loreto Fernández, ademais de empresarias e empresarios da área do Tambre.
Alumni USC presentou ás empresarias e empresarios as bases do seu portal laboral, aínda en desenvolvemento (ultimando detalles coa axuda das empresarias e empresarios do Tambre, precisamente, que colaboran coas súas achegas ao lanzamento definitivo dunha plataforma cen por cen operativa), que ten por obxecto “acadar unha maior interconexión entre aquelas persoas que finalizan a súa etapa formativa na universidade e as empresas galegas ou con implantación en Galicia que queiran captar persoal con altas capacidades e talento”.
O portal de emprego chámae Laboricia: Captación e retención de talento en Galicia e é unha plataforma sinxela cun “marcado carácter de proximidade”, sendo a súa finalidade principal dar acceso a demandantes de emprego e a empresas e pemes galegas que queiran publicar a súa oferta, ben para contrato laboral ou en prácticas.
Na liña de colaboración aberta coa propia Universidade de Santiago (USC), Ramón Lois sinalou que esta reunión axudará a profundar e desenvolver accións comúns entre Alumni USC e a Asociación Área Empresarial do Tambre que aproximen máis a vida universitaria e dos egresados da USC ao empresariado da área compostelá.
Sobre o portal de emprego, Ramón Lois destacou que será un espazo para que o exalumnado da USC teña a opción de atopar unha oportunidade laboral. “O mundo empresarial terá a oportunidade de coñecer máis a realidade universitaria da cidade grazas a esta ferramenta. Animará a emprendedores e crearanse oportunidades de empregabilidade”, dixo.
Benita Silva mostrou a súa preocupación pola “alta taxa de desemprego que hai entre a xente moza e, en particular, entre as persoas con formación universitaria”. Sinalou que con este portal, Alumni USC quere facilitar á busca de traballo en Galicia, “contribuíndo con isto á preservación de talento na nosa terra”.

PUBLICIDADE