Alianza estratéxica en Tecnópole para emprestar servizos de asistencia sobre novas tecnoloxías

xoves, 23 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Tecnópole, o recinto empresarial ourensán da innovación (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de ser o escenario dunha alianza en materia de servizos relacionados coa tecnoloxía, poñéndose de manifesto –unha vez máis– que na Sociedade da Información séguese máis que nunca a regra de ouro para adquirir competitividade: a unión fai a forza.
Este novo acordo de colaboración, encamiñado ó desenvolvemento de servizos integrados de asistencia telefónica ás empresas e administracións en materia de redes da información, tivo como protagonistas á Edisa (firma acabada de chegar a Tecnópole) e ó Centro de Atención de Chamadas (Call).
A xuízo dos responsables de ámbalas firmas, un dos contidos prácticos máis salientables da alianza estratéxica (que foi presentada estes días pasados) refírese á unificación dos sistemas de comunicación telefónica e ó equipo humano de Call cos recursos de Edisa habilitados no seu centro de innovación, “ó que engaden que este acordo dá lugar a un perfil de provedor de servizos de alto nivel dirixido ás máis importantes empresas nacionais e internacionais”, apunta nun comunicado a dirección do parque da innovación ourensán.

PUBLICIDADE