Alfoz de Quintadueñas aproveitará o Plan E para montar unha rede FTTH

mércores, 17 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Unha vila de Burgos de só 1.800 habitantes, Alfoz de Quintadueñas, decidiu aproveitar o Plan E para levar a fibra óptica ata os 500 fogares da súa poboación, cunha rede neutra que poderán explotar os operadores para ofrecer conexións á Internet de ata 100 MBps.
O mesmo concello xa conta actualmente cunha rede WiMAX que dá servizo a 200 abonados repartidos por distintas pedanías e que reciben unha velocidade de conexión simétrica de 2 Mbps por 18 euros/mes.
Con esta nova iniciativa empregarán os 187.350 euros do Plan E á creación dun centro de procesamento de datos, unha centraliña telefónica e o despregamento dunha rede de fibra óptica ata os fogares, aínda que este investimento non será suficiente para cubrir toda a infraestrutura, para o que deberán agardar a outras convocatorias públicas de axudas. Teñen pensado que algún operador explote esta nova rede, pero de non conseguilo, o propio Concello faríase cargo.

PUBLICIDADE