Advirten que as novas versións OpenOffice.org van cada vez máis lentas

venres, 30 de maio do 2008 Marcus Fernández

Evolución dos tempos consumidos por OpenOffice.org en distintas versións

Os programas de código aberto teñen moitas vantaxes, pero tampouco son perfectos, e o Ninja do OpenOffice denunciou que a aplicación OpenOffice.org é cada vez máis lenta, ou sexa, que cada versión que vai saíndo sae prexudicada no seu rendemento pese a que se melloren certas partes da aplicación de cada vez.
En parte é normal que os programas vaian máis lentos segundo avanzan as súas versións, xa que cada vez fan máis cousas, pero estaría ben que este tipo de estudos animasen aos responsables da aplicación en coidar máis o seu rendemento. Pese a todo, cómpre lembrar que non é preciso instalar todas as actualizacións de OpenOffice.org, e se o noso equipo non é o suficientemente potente sempre podemos empregar versións anteriores.
Tamén hai que destacar que un dos principais problemas de rendemento de OpenOffice.org está no seu arranque, proceso no que se fai un uso intensivo do disco duro, polo que a chegada dos discos baseados en Flash podería cambiar a percepción que o usuario final ten deste tipo de aplicacións.

PUBLICIDADE