Adiantarán un ano o cambio de frecuencias da TDT

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O actual Plan Marco de Actuación para a liberación do Dividendo Dixital fixa no 1 de xaneiro de 2015 a data límite para liberar a banda dos 800 MHz para servizos de comunicacións electrónicas, en especial, a banda larga móbil, para o que é preciso modificar a actual distribución de frecuencias da Televisión Dixital Terrestre (TDT), proceso que está a desenvolverse en fases, e que o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, comentou que vai acelerarse para poder adiantarse un ano.
A mencionada frecuencia corresponden ás canles de TDT do 61 ao 69, polo que afectaría aos principais programas televisivos actuais (tanto públicos como privados), que deberán resintonizarse nos vindeiros meses tras os cambios de frecuencia que serán precisos, procurando que esta reformulación sexa o menos traumática posible, o que poría fin ao baile de frecuencias no que levamos varios anos e que supón tanto un reto técnico como unha seria molestia para moitos cidadáns.
Esta problemática e común para case toda a Unión Europea, o que está a provocar a demora das novas tecnoloxías de banda larga móbil, o que resultou evidente tras a presentación do novo iPad, dispositivo que contará cun modelo con conectividade LTE que en Europa terá que limitar a súa conectividade móbil ao 3G, por carecermos das infraestruturas de telecomunicacións necesarias (por culpa de estar a TDT a ocupar as frecuencias que deberían empregarse para a banda larga móbil).

PUBLICIDADE