Acogelos.org renova a súa campaña en liña para achegar colares antiparasitarios aos cans abandonados

venres, 8 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede segue a posicionarse, do mellor xeito que pode (botando man das súas posibilidades de comunicación, convocatoria e denuncia), do lado dos animais abandonados en espera de acollida. Entre as iniciativas máis salientables desta semana atópase sen dúbida a dos responsables da web Acogelos.org, que logo de constatar unha vez máis (e o proceso, mágoa, semella non ter fin) o medre nos refuxios e albergues do número de animais á procura dun fogar, veñen de pór en marcha a terceira edición da campaña en liña Cómo pode un rato axudar a un can abandonado.
A iniciativa, lanzada en colaboración estreita con Internet Schrering-Plough Animal Health (a través da súa marca Scalibor), vai dirixida, como o seu propio nome indica, a achegar solidariedade en liña cos animais a través dunha simple sesión en Internet. A proposta, na que xa levan participado máis de 40.000 internautas nas súas dúas edicións anteriores, permitirá entre outras cousas a doazón de 3.000 colares antiparasitarios a un centenar de centros de acollida de toda España.
A través desta terceira convocatoria, informan os responsables da medida (que se prolongará até o vindeiro 30 de xuño), calquera albergue, refuxio ou centro de acollida de todo o territorio español poderá ser beneficiario da iniciativa solidaria.
Os internautas que concorran nela poderán facer a súa doazón ao conxunto ou ben elixir o refuxio que desexen como destino da súa achega. Polo que respecta á participación de Scalibor, dicir que o seu cometido consiste en ceder de xeito desinteresado 3.000 colares da dita marca para esta nova campaña, dispositivos que ceiban aos animais de doenzas como a leishmaniose, unha enfermidade parasitaria de risco mortal.
Polo que respecta ao xeito de facer as doazóns, poderán realizarse a través da web Acógelos de xeito rápido e sinxelo, de balde e cun só click do rato. Desta maneira, estaremos contribuíndo a axudar a reducir o número de cans abandonados coa devandita doenza, favorecendo deste xeito as súas futuras posibilidades de adopción.

PUBLICIDADE