Ábrese a solicitude de invitacións para o XV Coruña Bloggers

luns, 19 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 28 celebrarse na Fundación Barrié da Coruña a edición número 15 do evento solidario Coruña Bloggers no que entusiastas da Internet, as redes sociais e outras tecnoloxías próximas xúntanse para asistir a un par de relatorios e achegar un mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica (o que podería considerase como o prezo para acudir a este evento de balde).
O primeiro relator da xornada será Antonio Cambronero, un dos referentes dos mundo dos blogs en fala hispana, tanto pola súa longa experiencia como pola súa vertente formativa e divulgadora, que estará presente a través de streaming para repasar as adaptacións técnicas necesarias para cumprir co regulamento xeral de protección de datos nun blog de WordPress.org nos formularios de contacto, formularios de comentarios e formularios de subscrición. Tamén repasará detalles técnicos para integrar MailChimp e WordPress.org como exemplo dun servizo de e-mail marketing afectado polo acordo de Privacy Shield para transferencias internacionais de datos entre a Unión Europea e EE.UU.
O segundo relator do encontro será Álvaro Fontenla, da empresa de hospedaxe web Raiola Networks, quen impartirá unha charla sobre servizos de aloxamento de páxinas web.
Tras a parte formal do evento, os asistentes acudirán a un local de hostalaría próximo, La Taberna de Rita, para a habitual sesión de networking.
Os interesados en acudir ao 15º Coruña Bloggers poden xa solicitar a súa invitación a través de Eventbrite.

PUBLICIDADE