Ábrese a preinscrición ao Evento Blog España 2009

martes, 7 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A cuarta edición do Evento Blog España (EBE) terá lugar no Hotel Barceló Renacimiento de Sevilla entre os días 13 e 15 de novembro, buscando repetir o éxito de anteriores entregas deste encontro da web participativa no que teñen lugar conferencias, mesas redondas, networking entre emprendedores e moita interacción entre os 1.500 asistentes que esperan xuntar (de feito, cómpre apurarse na preinscrición ao evento, pois habitualmente o aforo complétase con bastante axilidade).
O EBE está patrocinado pola Consejería de Innovación, Ciencia y Empresa da Junta de Andalucía e Jazztel (que achegará unha conexión a Internet a través de Wi-Fi de 100 Mbps), contando tamén coa colaboración de Microsoft, BBVA, Red.es, Caja de Ahorros de Navarra e outras entidades que irán incorporándose nos vindeiros meses.
Entre as novidades da futura edición contarase cunha mesa redonda de blogueiros europeos para buscar puntos de unión e contraste (será a primeira mesa en inglés na historia do EBE), farase un especial repaso aos 10 anos dende a aparición dos primeiros servizos de creación de blogs e terá lugar unha charla na que se ofrecerán consellos para superar a actual situación económica . Continuando coa tradición iniciada o ano pasado, o EBE acollerá a cerimonia de entrega dos Premios Bitácoras.com.


Vídeo promocional da nova edición do Evento Blog España
ACTUALIZACIÓN: Parece ser que xa se esgotaron as prazas para o evento, e xa hai aberto un proceso de repesca para dar unha segunda oportunidade aos interesados en participar.

PUBLICIDADE