Abre as portas en Santiago o primeiro Foro de Ciencia e Comunicación

venres, 28 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Entre hoxe día 28 e mañá vaise falar moito en Santiago de investigación e de xeitos de dar a coñecer á sociedade esa investigación. A cita témolo no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicacións, onde se está a desenvolver xa o primeiro Foro de Ciencia e Comunicación, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Dirección Xeral de I+D. A idea destas dúas entidades é converter este encontro nunha gran mesa de debate que sirva para albiscar ó lonxe os futuros camiños a seguir.
No Foro están a participar profesionais de renome no eido da comunicación, como Gemma Revuelta, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Bouzas, José Pardina, Thomas Tyden, Carolina Moreno, Jorge Mira, Alicia Rivera, Luis Álvarez Pousa, Ronald Smallenburg, Anna Maria Fleetwood e Didrik Søderlind. Sinalar que nas xornadas estaban inscritas nas horas previas á inauguración máis dun cento de participantes.
Máis polo miúdo, o gran obxectivo da xuntanza é dobre: por unha banda, preténdese animar ós científicos a informar sobre os seus traballos e os froitos deses traballos dun xeito accesible para o resto da sociedade. Por outra, tamén se quere conseguir que os comunicadores poñan moito da súa parte, dando conta o máximo posible do que acontece nun escenario en moitas ocasións descoidado en xornais, revistas, radio, televisión ou webs: o escenario da investigación científica.

PUBLICIDADE