Aberto o prazo para a presentación de candidaturas nos Premios Software Libre 2007

martes, 21 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A plataforma mancomun.org está a animar estes días á comunidade galega de deseñadores de software libre a presentar as súas propostas e traballos ós Premios Software Libre 2007 que organizan a Free Software Foundation (FSF) e máis GNU Project. O certame, que ten aberto o prazo de inscricións de candidaturas até o 31 de outubro, inclúe galardóns tan interesantes como o Premio polo avance do Software Libre (entregado de mans do mesmísimo Richard Stallman á persoa que máis axudara ó longo do ano ó afianzamento presente e futuro do código aberto, sendo Theodore Ts´o, na imaxe á dereita, o gañador da edición 2006) ou o Premio para o proxecto de Beneficio Social (destinado a valorar aqueles proxectos que máis tiveran beneficiado á sociedade a través do que ben podería ser a trabe mestra do movemento open source: a colaboración).
Segundo informa mancomun.org, Para enviar os teus candidatos hai que mandar un correo electrónico a award-nominations@gnu.org co seguinte formato:
· No asunto do correo electrónico, poñer o nome da persoa candidata para o "Premio polo avance do Software Libre" ou poñer o nome do proxecto para o "Premio para o proxecto de Beneficio Social".
· Incluír, no corpo da mensaxe, unha explicación (40 liñas ou menos) do traballo que fixo a mencionada persoa e por que pensas que é especialmente relevante para o premio que a propós...
· Indicar, tamén no corpo da mensaxe, onde atopar o material (software, manuais, publicacións, etc...) nos que se basea a túa petición.

PUBLICIDADE