Abertis quere crear un Hulu á española

martes, 22 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Hulu converteuse no portal de vídeo de ficción de referencia nos EE.UU.

Nos EE.UU. está a ter un éxito impresionante o portal Hulu, que ofrece contidos televisivos a través da web, financiando o servizo a través da publicidade, de xeito que trunfa no que YouTube está a fracasar, xa que consegue un modelo de negocio equiparable ao da televisión, pero levado á Rede, de aí que non debería sorprender saber que Abertis Telecom estea a negociar con distintas canles de televisión para crear unha plataforma de distribución de contidos televisivos na Internet que utilizará tecnoloxía de Microsoft e que xa está en fase piloto.
Esta iniciativa debería dar lugar a un portal de vídeo centralizado no que cada canle poderá definir os contidos que publica e o acceso que darán aos usuarios aos mesmos, aínda que as súas principais vantaxes serían o aforro de custos (por compartir infraestrutura) e a explotación conxunta. Tamén resulta máis cómoda para os usuarios a existencia dun macroportal de vídeo que o escenario actual, no que as canles dispoñen de plataformas dispersas, o que dificulta que o público coñeza a oferta de contidos legais accesibles dende a Rede.

PUBLICIDADE