Aberta a inscrición para a xornada de presentación do programa formativo Destino: PemeDixital

luns, 8 de outubro do 2018 Redacción

A AMTEGA lanza o programa Destino: PemeDixital, un itinerario formativo deseñado para que PEME e autónomos coñezan as ferramentas e recursos para liderar a súa transformación dixital e mellorar a súa proxección de futuro. Un proxecto estratéxico que se presentará o mércores, 10 de outubro, nunha xornada informativa e de networking que terá lugar no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O experto en innovación e transformación dixital, Juan Luís Polo, será o encargado de ofrecer o relatorio principal. Profesor do Instituto de Empresa Business School, socio fundador da axencia Good Rebels, Polo impartirá unha conferencia titulada Achegándonos ao Universo dixital. Unha mensaxe inspiradora centrada nas características da nova sociedade conectada, coas claves necesarias para entender como a transformación dixital impacta na xestión de equipos e organizacións.
Así mesmo, catro empresas galegas que actualmente xa están inmersas neste proceso de dixitalización, expoñerán as súas experiencias neste proceso. Casos de éxito reais e próximos como exemplo para outros empresarios e unha boa oportunidade para compartir inquietudes, dúbidas, problemas e expor solucións nunha contorna creativa e colaborativa con empresas similares entre si.
Ao longo da mañá informarase tamén aos asistentes das distintas accións que conforman o programa Destino: PemeDixital. Unhas novas e outras, como o Acelera-Tic na súa xa terceira edición, que volve, renovado, cun novo formato para adaptarse ás necesidades e inquietudes detectadas entre os profesionais galegos.

PUBLICIDADE