AGASOL triplicou no 2011 o seu volume de negocio

xoves, 19 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, que dá acubillo a 29 entidades que traballan con sistemas de código aberto no noso país, vén de facer reconto dos datos acadados en 2011 en torno ao emprego desta tecnoloxía, e as cifras non podían ser máis alentadoras para o sector pois só esta asociación multiplicou por tres o seu volume de negocio no último ano.
Segundo o seu xerente, Luis Alberto Fernández, este incremento explícase “debido a que cada vez máis as empresas, as administracións e os distintos actores sociais escollen traballar con programas informáticos libres, que poden ser mellorados e adaptados ás necesidades, ao tempo que adoitan ser gratuítos, e por tanto supoñen un importante aforro económico”.
Sexan cales sexan os motivos que impulsaron á contratación de software libre no noso país, o certo é que a boa resposta que están a obter as empresas e particulares que escolleron a opción das fontes abertas, permite que este sector non só se manteña con boas cotas de mercado, senón que se incremente cada trimestre satisfacendo a un abano máis amplo de sectores produtivos.
En palabras dos máximos mandatarios de AGASOL, a elección de usar software libre no canto de software propietario “concede unha total independencia para escoller provedor, ofrecendo total liberdade de uso e escapando dos monopolios”, polo que a entidade alenta ao empresariado galego a adquirir software libre co que “optimizar a súa xestión, aforrando o importante custe das licenzas de software privativo”.

PUBLICIDADE