AGASOL presenta unha páxina para facilitarlles ás ONG as vantaxes do software libre

luns, 10 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, organizou a semana pasada un encontro dirixido a achegarlles ás organizacións sen arela de lucro que fan o seu labor dende a nosa terra as múltiples vantaxes do software libre para a súa xestión e para a súa comunicación con afiliados e a sociedade en xeral. Pois ben, a xornada, da que falamos polo miúdo previamente ao seu desenvolvemento final, serviu entre outras moitas cousas para dar acubillo á presentación de social.agasol.org, un portal centrado especificamente no terceiro sector e nos moitos partidos que lle pode tirar á programación aberta.
Dende Mancomun.org, reflectindo fontes de AGASOL, describen esta nova achega en liña, tan salientábel para facilitar o traballo das nosas ONG, como un “espazo de construción cooperativa de coñecementos para o uso e implantación do software libre, afacéndose ás necesidades e aos obxectivos das entidades do terceiro sector”.
O portal, que xorde coa arela de materializarse como unha ferramenta útil de traballo para tódalas entidades que desenvolven tarefas polo ben social dos demais, ten os seguintes obxectivos:
· Amosar experiencias e solucións baseadas no software libre para o terceiro sector.
· Converterse nunha plataforma de intercambio e colaboración entre axentes TIC e sociais.
· Amosar novas, tendencias e ligazóns de interese para o sector.
O portal, asemade, apóiase nuns alicerces ben sólidos: a potencialmente boa conexión entre as empresas e asociacións que desenvolven programas abertos e as organizacións que traballan de xeito desinteresado polo ben común, especialmente o das persoas en meirande situación de exclusión social, laboral ou económica. Dito doutro xeito: nada máis natural e lóxico que unha ferramenta libre, accesíbel dende tódolos puntos de vista (mesmo o económico) para apoiar o traballo dunha ONG. Segundo nos lembran dende AGASOL e Mancomun.org, o software libre “respecta as liberdades dos usuarios, posibilitando unha relación ética coa tecnoloxía, motor de transformación social”.
O proxecto en liña da asociación galega de empresas de software libre está cofinanciado pola Xunta e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

PUBLICIDADE