AGASOL mantén a súa actividade divulgativa no GaiásTech

luns, 23 de outubro do 2023 Redacción

A Asociación Galega de Software Libre (AGASOL) continúa a traballar na transformación dixital das empresas galegas ofrecendo tecnoloxías libres que permitan adaptarse fuxir dos altos custos das licenzas propietarias, para o que colaboran con AMTEGA nunha serie de relatorios enfocados ás empresas de diversos sectores do país, coma o gandeiro, o agrario, o forestal o cultural e o comercial.
As sesións, que teñen lugar no Gaiástech, son impartidas por profesionais procedentes de empresas dedicadas ao desenvolvemento de software libre e teñen como obxectivo dar a coñecer as facilidades que poden ofrecerlles estas solucións na xestión empresarial, en función das distintas necesidades e especificidades de cada sector.
Outro dos obxectivos da iniciativa é dar a coñecer as posibilidades do Gaiástech, que ademais de ser un espazo físico, conta cunha nube chamada Cloud do Gaiástech, na que se almacenan diferentes solucións de software libre que as entidades interesadas poden poñer a proba tras rexistrarse nel. Este rexistro serve tamén para que as empresas tecnolóxicas se dean a coñecer, convertendo o Cloud do Gaiástech nun escaparate para desenvolvedores de software libre.
Ata o de agora leváronse a cabo tres relatorios dispoñibles na canle de YouTube do Gaiástech. Neste final de outubro e durante o mes de novembro, desenvolveranse os seguintes relatorios:
– 25 de outubro: Charla impartida por Netxcloud (á que xa podemos subscribirnos en YouTube)
– 8 de novembro: Charla impartida por Muutech
– 15 de novembro: Charla impartida por Libreinnova
Con esta iniciativa, AGASOL busca dar a coñecer o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais co que se pretende visibilizar e potenciar o ecosistema dixital galego, facilitando a colaboración entre entidades e promovendo as oportunidades de negocio.

PUBLICIDADE