AGASOL colabora nun ambicioso proxecto de apoio ás PEME e emprendedores TIC

luns, 23 de xuño do 2014 Redacción

As PEME e os emprendedores do sector Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) de toda Europa están de celebración pois dende o 1 de xuño activouse o proxecto FINODEX, que xestionará un novo fondo de 4,64 millóns de euros para apoiar a este sector. O dito proxecto -cofinanciado a través do VII Programa Marco da Unión Europea- conta coa participación de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e ten como meta xerar novos valores económicos e sociais nas rexións europeas, a través da promoción e o apoio de iniciativas TIC baseadas nunha nova tecnoloxía de plataforma FI-WARE (da que xa falamos, dando conta da participación nela de Gradiant) e o uso de datos abertos, involucrando a PEME e emprendedores con ese fin.
FINODEX (Future Internet Open Data Expansion) presentarase de xeito oficial nas vindeiras semanas en varios eventos, salientando o concurso para programadores HackSanFermin, que se celebrará no Planetario de Pamplona entre o 12 e o 15 de xuño, ou a IOT-Week de Londres, a semana do 16 ao 20 de xuño.
E indo ao miolo desta idea: mediante dúas convocatorias abertas, todos os socios europeos participantes no proxecto seleccionarán até cen proxectos innovadores, que sexan capaces de crear produtos e servizos que empreguen a citada plataforma tecnolóxica, así como datos abertos (Open Data) de calquera procedencia. O esquema de financiamento elixido para iso seguirá o enfoque Lean Startup de Eric Ries, emprendedor e pioneiro nunha nova estratexia de negocio, aplicada con éxito nas empresas do sector de novas tecnoloxías da información de Silicon Valley.
FINODEX é parte do Partenariado Público Privado de Internet do Futuro. Esta organización, formada pola Comisión Europea e as principais empresas do sector tecnolóxico comunitario, xerou a creación da plataforma FI-WARE durante os últimos anos.
A Comisión Europea porá a disposición 80 millóns de euros, a través de FINODEX e outras 15 aceleradoras, durante os dous vindeiros anos para que PEME e emprendedores de toda Europa poidan desenvolver os seus produtos grazas a esta plataforma tecnolóxica. A aceleradora FINODEX, é a única liderada por un socio español Zabala Innovation Consulting e ademais participan na mesma Trento Rise (Italia), Europe Unlimited (Bélxica), Engineering Ingegneria Informatica (Italia), Copenhagen Business School (Dinamarca) e ASOLIF (España).

PUBLICIDADE