AGASOL amosa o 8 de outubro as vantaxes de tirarmos partido de OpenNebula

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, celebra o vindeiro 8 de outubro unha xornada técnica e tecnolóxica sobre OpenNebula. A cita será en Santiago, no Centro Demostrador TIC do barrio de Conxo (no CNTG). Trátase, segundo informa a organización, dun TechDay OpenNebula, que é un tipo de evento de formación, divulgación e intercambio de coñecemento onde todo o programa do día xira arredor das funcionalidades desta plataforma aberta para servizos na nube (OpenNebula). Haberá demostracións prácticas en instalación en cloud, obradoiros e presentacións dos membros da comunidade OpenNebula e os seus usuarios.
O evento, coma todos os da súa serie, está dirixido a arquitectos en computación na nube, administradores de bases de datos e de sistemas, integradores de sistemas, desenvolvedores de arquitecturas e e de solucións tecnolóxicas en xeral.
O obxectivo específico é atopar relatores e usuarios locais para fomentar reunións e colaboracións futuras en torno ás experiencias que favorece OpenNebula. A xornada incluirá entre outras cousas un obradoiro a cargo de Jaime Melis, enxeñeiro na dita comunidade-plataforma de código aberto, quen se encargará, a partir das 9.00 da mañá, de achegar unha visión xeral de como funciona OpenNebula á hora de construír espazos propios na nube. Tamén haberá contidos destinados a introducirnos na plataforma e na súa configuración, salientándose ao mesmo tempo as vantaxes e beneficios de empregar ferramentas de virtualización e de computación na nube que ademais, teñan o engadido de seren abertas.

PUBLICIDADE