A xornada sobre Xestión Integral de Empresas con Software Libre do CDTIC xa cubriu o 80% das súas prazas

domingo, 24 de xullo do 2011 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Galicia celebra o 28 de xullo unha xornada dedicada á Xestión Integral de Empresas con Software Libre, que xa ten cubertas o 80% das prazas. A sesión está dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos, xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
A boa acollida da xornada ponse de manifesto na ocupación das prazas dispoñibles, xa que, a día de hoxe, están cubertas 24 das 30 ofertadas. Tanto o perfil dos asistentes como os sectores de actividade das empresas e entidades ás que pertencen é moi variado o que da conta do carácter transversal da temática.
O 31% das empresas que asistirán pertencen ao sector TIC aínda que estarán representados outros sectores como loxística (15%), enerxía (15%), metalurxia (8%), industria química (8%) e industria cultural (8%), entre outros.
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto abarata o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais por empresas galegas facilitando deste xeito que a inversión TIC das empresas xere negocio no propio sector TIC galego convertendo así a innovación tecnolóxica en motor económico.

PUBLICIDADE