Á vista xa a edición 2011 do encontro Kernel en Mugardos
luns, 12 de setembro do 2011
O software máis independente e accesíbel, no
sentido de que adoita a estar tan preto de nós como pode ser posíbel, ten unha
cita novamente en Mugardos. A cousa non é nova. Por esta web xa pasaron
xornadas de software libre de diversa índole, conmemoracións
e, tamén, unha iniciativa
para poñer ao alcance da veciñanza do concello computadores recuperados para a
vida por obra e graza dos programas abertos. Detrás destas e outras iniciativas
adoita estar a Comunidade O Zulo,
responsábel do encontro Kernel, que xa vai pola súa oitava edición e que, en
definitiva, é o tema concreto que nos ocupa. Pois ben, o Kernel 2011
celebrarase a vindeira semana, a fin de semana que vai do 16 e ao 18 de
setembro.
No evento, un dos máis importantes da nosa
terra en materia de open source, contará
este ano coa participación de máis de 70 internautas, usuarios/creadores de
software libre, intercambiando experiencias e recursos varios no centro
operativo da xuntanza: a Casa da Cultura de Mugardos. A cita, que segundo
informa a organización segue a contar co apoio do Concello, ofrece entre outras
moitas cousas un concurso de deseño de páxinas web, campionatos de xogos,
actividades de celebración (a do Día da Liberdade do Software, na xornada do 17),
relatorios, ciberolimpíadas e mesmo unha convocatoria que cingue, sen ningún
tipo de problema nin contradición, a gastronomía galega que se adoita a
consumir en colectividade coa programación en aberto (que, por certo, tamén se
adoita a consumir en colectividade).
Antecedentes
dun evento participativo
O Kernel é un evento lúdico-tecnolóxico que se
celebra en Mugardos dende o ano 2004. Organizado conxuntamente pola Asociación
Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos, asisten dende rapaces de 15 anos
ata universitarios, electricistas, tubeiros, informáticos, etc. Segundo apunta
a organización, trátase dun encontro especialmente axeitado para persoas
directamente relacionadas coa tecnoloxía, os xogos e a Rede na súa vertente máis
aberta. “Sentimos paixón polo software e
a cultura libre”, sinalan os organizadores, “así que se queres aprender ou ensinar swlibre, no Kernel 2011 terás oportunidade
de coñecer a moita xente con intereses comúns”.
Venres 16
18:00 Apertura
20:00 Inicio Concurso Fotografía
21:00 Inicio Concurso FastWeb
22:00 Campionato de Street Fighter II e StepManía
23:00 Primeira rolda OpenArena
00:00 Café
Sábado 17
08:00 Café
11:30 Dia Liberdade do Software 2011
13:00 Segunda rolda OpenArena
14:00 O enigma de Mugar2.0
18:00 CiberOlimpiada: Cabezadas no teclado e lanzamento de disco duro
22:00 PorkoByte: CiberLaconada
00:00 Café
Domingo 18
01:00 Final Campionato OpenArena
08:00 Café
13:00 Entrega de premios
18:00 Clausura