A vindeira edición de Betabeers Galicia afondará na tecnoloxía de Bitcoin

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Os encontros de desenvolvedores de aplicacións web e móbiles Betabeers Galicia continúa a celebrarse nas distintas cidades da nosa comunidade como punto de encontro de profesionais da programación para intercambiar coñecementos, aprender sobre as novas tendencias e descubrir interesantes proxectos creados na nosa terra. A semana que vén terá lugar a edición número catorce destas xornadas que unha vez máis teñen lugar na cidade da Coruña, concretamente no local de coworking WeKCo, sito na Avenida Novo Mesoiro, 2, desenvolvemento a súa fase máis formal o día 16 entre as 20:00 e as 21:30 horas e continuando nun local de hostalaría próximo para favorecer o networking entre os asistentes.
Este nova Betabeers abrirá cunha charla técnica sobre o protocolo Bitcoin, na que David Albela Pérez e Borja Pintos Castro abordarán o mercado e minado de Bitcoin e darán tamén conta doutras criptomoedas alternativas. Os proxectos que se darán a coñecer durante o encontro serán o IRC social con sistema de afiliación ChatsFree, exposto por Borja Maceira e Pablo Cancelo; completando a sesión Ismael Berdei e Miguel Martínez Maceira, que darán conta de Readmusync, unha solución de sincrolectura que aproveita as posibilidades multimedia dos dispositivos móbiles para dotar a lectura de libros en formato dixital dunha experiencia máis real.
Para poder asistir a Betabeers Galicia é preciso inscribirse dadas as limitacións de aforo deste tipo de xornadas.

PUBLICIDADE