A versión galega do Firefox 4, posible grazas ao traballo da nosa comunidade de localización de Mozilla

luns, 4 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

O pasado día 21, tal e como sinalamos nesta web, chegou na súa versión definitiva o Firefox 4, unha achega que precisou de moitas mans (as dos membros e voluntarios da Fundación Mozilla) e de moitos meses para o seu desenvolvemento, incluídos os traballos da Comunidade galega de localización de Mozilla, que entre outras cousas despregou os esforzos precisos para que poidamos gozar na nosa lingua da actualización desta importante ferramenta de software libre. A Comunidade, tal e como se nos lembra dende o cartafol en liña da Universidade de Santiago, non estivo soa no seu cometido. Contou coa axuda da Oficina de Software Libre da USC e do Proxecto Trasno, todo para conseguir o seguinte obxectivo: que a galega fose unha das 80 linguas incluídas no lanzamento oficial da nova versión, arestora dispoñible xa en descarga de balde.
Para facérmonos unha idea do que significa este traballo de localización ao galego, dicir que o Firefox é a día de hoxe o navegador máis empregado a nivel europeo e que a súa versión 4 xa fora descargado dez días despois do seu lanzamento por case 50 millóns de usuarios, 71 mil dos cales eran galegos. A día de hoxe, a cifra anda a rentes dos 60 millóns. Segundo se nos engade dende a USC, amais do traballo dos últimos meses para chegar a ter dispoñible Firefox 4 en galego, a comunidade galega de localización de Mozilla preparou un complemento de corrector ortográfico. Asemade, está a ultimar xa a actualización da súa páxina web. Entre outras melloras, a nova versión do navegador libre é entre dúas e catro veces superior en velocidade cás anteriores entregas, incluíndo importante melloras en seguridade e privacidade e máis en funcións básicas de manexo. Por exemplo: agora é posible sincronizar o historial da barra de navegación, os marcadores, as lapelas abertas ou as chaves de acceso entre os computadores e os dispositivos móbiles que corran sobre Firefox.

PUBLICIDADE