A versión 3.0 do firmware para o iPhone amosa o seu potencial

martes, 17 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A actualización de firmware para o iPhone será de balde

Apple presentou esta tarde o que será a versión 3.0 do firmware do iPhone, nun evento especialmente dirixido aos desenvolvedores, que foron os que viron cómo o terminal telefónico de Apple incrementou o seu potencial extraordinariamente, achegando moitas características que se botaban en falla do mesmo dende o primeiro día.
Das novas prestacións que chegarán ao iPhone as máis destacables serían a posibilidade de copiar e pegar texto (a función máis reclamada historicamente), o soporte de mensaxes multimedia (MMS), a mellora das prestacións do Bluetooth (que ata o momento estaba limitado ao seu uso para sistemas de mans libres) e a posibilidade de que o GPS poida empregarse para a navegación (e non só para o posicionamento puntual en Google Maps).
O programadores agradecerán a conectividade Peer-to-Peer (que permitirá a interacción entre 2 dispositivos, tanto iPhone coma iPod Touch), a posibilidade de facer uso de accesorios (o que podería disparar o potencial do dispositivo), In-App Purchase (ábrese a posibilidade de facer compras dentro de aplicacións, pagando a través de iTunes), a posibilidade de facer indicacións por voz ás aplicacións (o que xa facía a aplicación de Google para o iPhone, aínda que para tal función saltara as normas e empregara unha función oculta da API do iPhone) e a apertura dunha chea de funcións máis (acceso á libraría de música, ao sensor de proximidade, á gravación de audio, ao streaming de audio e vídeo, ao GPS…). Por fortuna, todo isto está presente na versión de proba do novo SDK que xa está dispoñible para a súa descarga.

A cantidade de novidades do novo firmware é realmente inmensa

Os usuarios, aparte das prestacións comentada antes, tamén gozarán das notificacións push (recibindo notificacións de todo tipo aínda coas aplicacións pechadas, pero sen ter procesos en background que supoñan un elevado consumo de batería), a posibilidade de mandar máis dunha fotografía por correo electrónico, poder contar co modo panorámico en todas as aplicacións (o que nalgún caso se botaba moi en falta), soporte para subscricións a calendarios tipo .ics, a integración de Spotlight (un buscador entre os contidos do iPhone, que aparecerá na pantalla principal e facilitará a vida do usuario como xa fai a súa versión de escritorio en Mac OS X), o reprodutor multimedia permitirá a función Shake to shuffle (cambiar de canción aleatoriamente ao axitar o iPhone), finalmente poderanse utilizar auriculares Bluetooth estéreo, o navegador Safari terá un novo xestor de contrasinais, aparecerá unha aplicación para tomar notas de voz, amplían o alcance dos controis parentais, e agárdase que a versión pública estea dispoñible para o verán de balde para os iPhone e de pago para os iPod Touch.

PUBLICIDADE