A triloxía de Dragon’s Lair chega a Nintendo Switch

venres, 18 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nun momento no que Netflix está a causar sensación cun episodio interactivo da serie Black Mirror semella moi oportuna a estrea de Dragon’s Lair Trilogy para Nintendo Switch na eShop a un prezo de 19,99 euros, xa que este produto inclúe os xogos Dragon’s Lair, Dragon’s Lair 2: Time Warp e Space Ace, obras de animación de Don Bluth que aproveitaban as posibilidades interactivas do LaserDisc para que os usuarios tivesen que realizar os movementos precisos en momentos exactos para ver como a historia se desenvolve até o seu final feliz, ou ver se non como o heroe falece antes de poder derrotar ao mal e rescatar ao seu amor (no caso dos xogos de Dragon’s Lair o cabaleiro Dirk ten que rescatar á princesa Daphne, mentres que en Space Ace Dexter ten que salvar a Kimberly).
Estes xogos, pese a ter nacido en salóns recreativos a primeiros dos anos 80 non cesaron de comercializarse en todos estes anos en numerosas plataformas, de xeito que tanto puidemos atopalos en PC, consolas domésticas, discos DVD e Blu-ray e incluso en iOS e Android, polo que o seu lanzamento para Nintendo Switch é simplemente un xeito de continuar a manter viva unha produción audiovisual que conseguiu manterse vixente até hoxe pese ao seu carácter pioneiro.

Tráiler da triloxía de Dragon’s Lair para Nintendo Switch

PUBLICIDADE