A televisión catalá estreará a vindeira fin de semana unha tv-movie de co-produción galega

martes, 31 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro sábado día 4 de agosto ás 21:45 horas os espectadores cataláns poderán ver por primeira vez na pequena pantalla a película feita para televisión ECOS, dirixida por Oriol Paulo e producida por Continental, Oberón Cinematográfica, TVG e TVC.


Trailer de ECOS

O filme parte dun guión de Curro Royo e Juan Vicente Pozuelo, e narra unha historia de misterio que comeza cunha muller, Alba, que perde á súa filla, co dano psicolóxico que iso supón (ó que habería que sumar unha perda temporal do oído, que a illa do mundo). Alba vai recuperando a audición pouco a pouco, comezando por escoitar voces de conversas mantidas por defuntos, entre as que destaca a dunha nena...
A película está protagonizada por Nuria Prims e conta coa presenza dos galegos Carlos Blanco e Chete Lera. A produción executiva correu a cargo de Xavier Villaverde e Angels Masclans.
A produción desta película de inquietante estética está encadrada dentro do proxecto de películas de misterio e terror A Sombra do Misterio que está a realizar a produtora galega Continental e que continuará nos vindeiros meses coa rodaxe de O Espello (dirixida polo galego Álex Sampayo).

PUBLICIDADE