A televisión andaluza estrea emisións á carta

venres, 7 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O director xeral da Radio Televisión de Andalucía (RTVA), Rafael Camacho, presentou esta semana o seu novo servizo web de televisión á carta, que permite ó usuario o visionado de programas emitidos pola televisión autonómica andaluza, así como acceder en directo á canle internacional de Andalucía Televisión.
Deste xeito, RadioTelevisionAndalucia.com leva os contidos de Canal Sur a todo o mundo, polo que os andaluces poden ver fóra da súa comunidade as emisións pensadas para eles, e moitos outros espectadores poderán seguir programas de culto coma o Ratones Coloraos de Jesús Quintero.


O programa Ratones Coloraos dende o novo servizo de vídeo baixo demanda

O servizo de vídeo de RTVA funciona con tecnoloxía Flash (instalada na meirande parte de navegadores web) o que fai moi doado o seu acceso para os usuarios e que mesmo permite a visualización dos programas a pantalla completa, aínda que o acceso ós contidos se limita á páxina web oficial (fuxindo da rede social).
Os programas non se presenta dun xeito moi organizado, repartíndose en 3 grandes categorías (Destacados, Informativos e Divulgación) ou localizándose a través dun buscador, limitándose a dar unha aparencia de reprodutor multimedia que pode satisfacer ós usuarios menos esixentes.

PUBLICIDADE