A tecnoloxía de Gradiant para detectar documentos falsos, dispoñíbel no marketplace de Surecomp

xoves, 11 de marzo do 2021 Redacción

A tecnoloxía do Centro Tecnolóxico Gradiant xa está dispoñíbel no marketplace de Surecomp, fornecedor de referencia internacional en materia de solucións de financiamento para bancos e empresas. Concretamente, Surecomp anunciou a incorporación da ferramenta de Gradiant para a detección de documentos falsos, Valida by Gradiant.
A través desta solución intelixente, Gradiant permite aos clientes ofrecer engadir importantes extras de seguridade nos seus fluxos de traballo dixitais de onboarding e KYC: empregando tecnoloxía baseada en IA, Valida é unha solución de análise forense que avalía a fiabilidade dos documentos detectando de xeito automático a falsificación e manipulación dixital dunha ampla gama de documentos como facturas, pasaportes e garantías bancarias.
“Dada a magnitude da aceleración da transformación dixital que vimos desde a pandemia, é máis crítico que nunca que os bancos e as empresas se protexan contra as perdas derivadas da fraude”, explica o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire, poñendo o foco na importancia de blindar ámbitos como o financiamento do comercio, “que é un negocio de gran complexidade”.
Supercomp, a través do seu vicepresidente de dixitalización, Tsafrir Attar, deu deste xeito a benvida á tecnoloxía do centro tecnolóxico galego: “Estamos encantados de dar a benvida a Gradiant ao marketplace de Surecomp, de feito ampliar a plataforma cunha ampla gama de capacidades de prevención da fraude para facilitar a seguridade dos nosos clientes é un dos beneficios de valor engadido máis importantes que podemos achegar”.

PUBLICIDADE