A semana que vén remata a matrícula no terceiro Fiadeiro de localización de software libre da USC

mércores, 16 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Entre os días 4 e 24 de marzo poderá formalizarse a matrícula do Fiadeiro de localización de software libre que organizan por terceiro ano consecutivo a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Superior de Enxeñaría e o Servizo de Normalización Lingüística , e que permite formar tecnicamente na galeguización de software libre a 25 persoas que poderán asistir de balde ás xornadas que terán lugar os días 29 e 31 de marzo e 2 de abril no Departamento de Electrónica e Computación do Monte da Condesa (Santiago de Compostela).
Os participantes obterán un diploma de asistencia á actividade (cunha duración total de 15 horas), constancia da experiencia de tradución encomendada e nos créditos da aplicación localizada, e a posibilidade de optar ao premio Máis e mellor, que farase público en maio de 2011.
Esta actividade está coordinada polo profesor Xosé Manuel Pardo López, correndo a docencia da man de Enrique Estévez Fernández, coordinador da Oficina de Software Libre da USC, Francisco Diéguez, técnico da mencionada Oficina, e Antón Méixome, lingüista no Concello de Dodro.

PUBLICIDADE