A segunda fin de semana de xullo celebrarase en Vigo o IV Startup Weekend Galicia

mércores, 3 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Un ano máis Elogia cede a súa sede para a celebración dunha nova edición de Startup Weekend Galicia, encontro que dende o venres 12 de xullo e durante as seguintes 54 horas somerxerá aos participantes nun intenso intercambio de ideas, no desenvolvemento de plans de negocio e na creación de prototipos básicos para un proxecto que decidan desenvolver, participando así nunha experiencia de creación dunha empresa (de base tecnolóxica) para enriquecerse coa experiencia que supón a colaboración e o intercambio de coñecemento entre os participantes.
Poderán acudir a Startup Weekend Galicia varios tipos de perfís: Developer (desenvolvedores de software), Designer (persoas con coñecementos de deseño gráfico) e Non-Technical (calquera que non teña carácter técnico, entre os que estarían profesionais do marketing e as relacións públicas, entre outros). Os interesados poden xa realizar a súa inscrición no evento.
Estas xornadas organizadas polos desenvolvedores Alberto Ruibal e Reinaldo Aguilera e a xornalista Vanesa Galego, botarán a andar ás 18:30 horas do día 12, cando se formarán os equipos que desenvolverán as ideas de negocio nas que traballarán os 2 días seguintes, contando tamén esta primeira xornada con 3 relatorios nos que José Iglesias (UP Global), Miguel Silva (Blusens) e Javier Jiménez (Tapquo) compartirán a súa experiencia co resto de asistentes.
Durante as xornadas seguintes combinaranse distintos ciclos de traballo e de participación de mentores (entre os que figuran Carlos Otero Barros, Iván Fociños, Jaime Novoa, José Alcañiz, Miguel Lorenzo, Lalo García, Pablo Conde, Rubén Bastón, Víctor Salgado e Xoán González Díaz) que realizarán achegas aos proxectos que presentaranse a partir das 17:30 horas do día 14, para elixir logo ás mellores propostas, rematando así este peculiar concurso no que as boas ideas de negocio e o traballo en equipo deben combinar para poder acadar o éxito.

Fotografía de grupo dunha pasada edición do Startup Weekend Galicia

PUBLICIDADE