A revista galega Luzes, na rúa e en Internet o vindeiro 29 de novembro

luns, 4 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Rivas e Pereiro na presentación en Compostela do seu medio de comunicación

Xa se albisca novo medio de comunicación galega (sempre unha boa nova), en formato papel e tamén con presenza na Rede. Falamos de Luzes, un proxecto que vén da man de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, con Facebook de seu, e que sairá á rúa con feitura de revista o vindeiro 29 de novembro, incluíndo 132 de páxinas “cheas de cousas escritas por bos profesionais”, coméntanos Pereiro. Para acadar meirandes presenza e autonomía, o proxecto estase a acompañar dunha campaña na Rede para acadar este mes de novembro cincocentos subscritores-fundadores, que entre outras cousas terán tarifas reducidas, adiantos dos contidos e serán consultados sobre aspectos da revista. Ademais de axudar no sostemento de Luzes. A revista poderase adquirir o día 29 nos seus puntos de venda físico e tamén a través da web de seu.
Por certo que tódolos detalles ficarán ao descuberto, tamén, na vindeira edición do salón Culturgal, do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Recentemente en Compostela tivemos un adianto de Luzes, e na presentación Pereiro e Rivas describiron a súa iniciativa (revitalizadora dunha prensa galega que arrastra todo tipo de condenas, e entre as non menos importantes atópase a da falta case absoluta de espírito crítico e de independencia con respecto do poder en calquera das súas manifestacións) acompañados de Iago Martínez, que é quen coordina o proxecto. “A nosa”, dixeronnon é soamente unha revista. É un lugar. Un ecosistema propicio para o xornalismo. Para contar as cousas como é debido, con tempo, rigor e campo aberto por diante”. Estaremos ao tanto do que aconteza.

PUBLICIDADE