A renovación do DVD para a PEME, a exame

luns, 27 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información a través de Mancomún quere facer reconto dos froitos recollidos por unha iniciativa ben concreta ao longo do seu primeiro ano de vida: o DVD Ferramentas Informáticas para a PEME. O recurso, que foi presentado hai uns días no marco da Conferencia Internacional de Software Libre celebrada en Málaga, foi desenvolvido co obxectivo de achegar ao empresariado galego unha escolma de programas informáticos abertos que satisfixeran as súas demandas de mellora na xestión.
O DVD”, comenta o equipo responsable de Mancomún dende a súa web, “está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida polo que é un intre axeitado para facer balance do éxito acadado e debater a estratexia para continuar polo bo camiño”.
A idea, para que a análise do acadado e por acadar sexa o máis completa posible, é contar novamente cos deseñadores galegos de software libre que fixeron posible o DVD e localizar (entre outras cousas) se existen ou non novas necesidades a cubrir no tecido empresarial galego, e cómo deberían atenderse no caso de habelas.
A xornada de traballo cos axentes directamente involucrados celebrase ao longo de mes de novembro. Á espera de saber se son precisas actualizacións e incorporacións (e de que tipo), o DVD manterase conxelado. Ou sexa: non será obxecto de cambios.

PUBLICIDADE