A rede Wi-Fi da USC sitúase entre as primeiras do Estado en número de usuarios

xoves, 10 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo datos dunha nova enquisa (a cuarta) sobre o emprego de ferramentas TIC na comunidade estudantil da Universidade de Santiago, os dous campus da dita institución (Compostela e Lugo) son sen dúbida dous dos espazos da nosa terra onde máis número de internautas se concentra botando man da tecnoloxía Wi-Fi, neste caso da que habilita a propia USC. Esta información, achegada polo reitor Senén Barro este mércores día 9 na presentación do estudo, complétase con este outro punto: o nivel de internautas da USC é alto abondo (11.419 altas rexistradas en decembro de 2007) como para situar á institución educativa como unha das principais do Estado español en materia de acceso sen fíos.
O incremento no uso das ferramentas Wi-Fi pódese apreciar de mellor maneira se temos en conta que en decembro de 2004 só se tiñan rexistradas 734 altas. Segundo apuntou Barro no acto deste mércores, isto é consecuencia directa da importancia cada vez maior que para as alumnas e alumnos teñen as novas ferramentas dixitais á hora de completar a formación e, tamén, de abrirse paso no mercado laboral.
O caso é que os estudantes, que para contribuír a este traballo foron enquisados sobre equipamento e conectividade, usos da Rede e móbiles e ferramentas habilitadas pola USC, fan cada vez máis uso do chamado “Campus Virtual” que, como o seu propio nome indica, é a face virtual do que até hai ben pouco só se daba a nivel físico: as clases. O servizo, posto en marcha no curso 2003-2004, é segundo a USC un espazo de complemento á formación presencial en fase de medre a tempo completo. Así, no número de materias ofrecidas pasouse das 202 ás 745 postas a disposición dos alumnos o curso pasado, cun incremento do 269%. Polo que respecta á cifra de alumnos subscritos, no curso 2006-2007 contabilizouse a presenza de 17.754, fronte ós 5.682 do ano inicial.

PUBLICIDADE