A realidade virtual de Sony non será de alta gama

venres, 11 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos meses non nos cansemos de repetir que 2016 será o ano da realidade virtual, segundo os proxectos van achegándose ao seu lanzamento vai sendo máis evidente que imos atopar toda unha serie de tecnoloxías e distinto nivel, de xeito que podemos ver dende o uso de móbiles dentro dun cartón de Google até as completas Oculus Rift ou as HTC Vive, pero unha das compañías das que non sabiamos aínda moi ben o que agardar era Sony, que está a traballar nas súas PlayStation VR, e grazas a unha completa reportaxe de Polygon sabemos finalmente o que persegue esta tecnoloxía.
O vicepresidente de Sony, Masayasu Ito, recoñece que van optar por unha solución máis modesta que as baseadas en PC, non só porque as propias Oculus Rift e HTC Vive teñan uns prezos moi elevados (699 e 899 euros respectivamente), senón porque tamén dependen de ordenadores moi potentes (que parten de prezos duns mil euros) cos que a PlayStation 4 non podería competir, de xeito que optarán por unha solución cun campo de visión máis reducido, unha resolución inferior (en boa medida para procurar levar a velocidade de refresco até os 120 Hz) e, en definitiva, unha calidade inferior, xa que buscarán un produto para un uso diario que sexa doado de usar e asumible, pois irán dirixidos a un uso masivo e non ao nicho de usuarios que teñen ordenadores persoais de altas prestacións.
Actualmente Sony segue a traballar en desenvolver novos sistemas de control para a súa realidade virtual, contando con que no seu lanzamento funcione cos mandos actuais para PlayStation 4 (os DualShock 4 ou os controladores Move) pero no futuro é posible que lancen novos accesorios que faciliten a inmersión en mundos virtuais, continuando a ser un misterio a data de lanzamento deste produto que, segundo o presidente da división de videoxogos de Sony, Shuhei Yoshida, tería que ser este mesmo ano, polo que é moi probable que o anuncio se realice no marco da feira E3.

PUBLICIDADE