A realidade sonora de Friol será envorcada na Rede polo CCG en colaboración coa veciñanza

xoves, 17 de febreiro do 2022 S. P.

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro do Consello da Cultura Galega (CCG), realiza este venres 18 de febreiro unha nova actividade encamiñada a enriquecer o Mapa Sonoro de Galicia proxecto web que ofrece unha perspectiva xeográfica ás coleccións sonoras custodiadas pola dita institución: coleccións antropolóxicas, etnográficas, lingüísticas ou medio ambientais, entre outras. A actividade deste venres porá o foco no concello de Friol (Lugo), documentado a realidade acústica do concello dende todos as devanditas vertentes.
O director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, será o encargado de ofrecer a sesión teórica desta actividade que expón a importancia do son como valor cultural e a necesidade de conservar os sons do presente para xeracións futuras, así como o labor que leva a cabo o ASG, especialmente a través do Mapa Sonoro de Galicia.
A cita desenvolverase no centro sociocultural da localidade, onde as persoas asistentes determinarán as voces e os sons (naturais ou artificiais) que consideran “máis representativos da vila que se visita e a súa área de influencia”. No acto explicaranse a dinámica e a técnica de realización das gravacións, que, na súa maior parte, serán efectuadas cos teléfonos móbiles das persoas participantes, as cales terán unha semana de prazo para proceder á súa realización e á subida dos sons ao Mapa Sonoro de Galicia, onde quedarán, en aberto, a disposición do público.
Esta xornada é a segunda cita dun ciclo organizado polo ASG que pretende ir rexistrando as paisaxes sonoras das vilas galegas ao tempo que incorpora eses sons ao mapa Sonoro de Galicia.


PUBLICIDADE