A plataforma galega XeBook acada resultados óptimos no proxecto de préstamo electrónico interuniversitario

luns, 5 de xaneiro do 2015 Redacción

Intercambiar obras académicas dixitais entre as universidades españolas, mediante as bibliotecas, como medio para establecer unha meirande difusión entre a comunidade universitaria, aumentar os índices de impacto e cumprir co acordo de intercambio reducindo custos son as bases sobre as que se asenta XeBook. O dito proxecto de plataforma, levado a cabo por Xercode e USAL, tradúcese nun intercambio científico e empréstito electrónico entre bibliotecas e editoriais universitarias españolas, sendo os seus resultados un servizo totalmente operativo en todas as súas universidades e, segundo vén de informar a galega Xercode, cun 100% de satisfacción en bibliotecas e editoriais.
A plataforma XeBook presentábase o pasado de novembro na Universidade de Burgos, inserido na XXXIII Asemblea Xeral Ordinaria da Unión de Editoriais Universitarias Españolas e XXIII Extraordinaria, onde se deron a coñecer os resultados do proxecto piloto REBIUN-UNE para o préstamo e intercambio científico universitario dixital.
Cómpre dicir que para levar a cabo este proxecto contouse con plataformas tecnolóxicas, entre elas XeBook, as cales debían achegar ás bibliotecas universitarias a posibilidade de ofrecer en empréstito electrónico as obras de intercambio das editoriais universitarias participantes nun prazo de 5 meses.
O traballo foi exposto por Aránzazu García Pizarro (coordinadora do Grupo de Traballo en representación de UNE) e por José Antonio Merlo (coordinador do Grupo de Traballo en representación de REBIUN). Segundo explica Xercode, os únicos resultados que puideron ser presentados foron os obtidos a través da plataforma XeBook, cumprindo cos obxectivos e prazos marcados ficando totalmente operativo o empréstito e intercambio científico dixital en todas as universidades participantes: Burgos, Cádiz, Murcia, Santiago de Compostela e Salamanca.
Os resultados do proxecto piloto en XeBook son, en palabras de Xercode:
· As 5 universidades (biblioteca e editorial) están operativas no prazo marcado, algunhas en produción ou a falta de presentación do proxecto institucionalmente. Liquidáronse con éxito todas as problemáticas asociadas á autenticación de usuarios, realizado a formación pertinente a bibliotecas e editoriais.
· As 5 bibliotecas universidades poñen a disposición os libros dixitais da súa propia editorial universitaria e das outras editoriais do proxecto, con arredor de 400 libros en intercambio científico.
· As 5 bibliotecas universidades están a xestionar a adquisición de obras a provedores de contido para aumentar a súa colección para préstamo electrónico.
· Outras universidades están a asociarse ao proxecto o cal garante un aumento da colección de intercambio científico.
Por último sinalar que Xercode ponse a disposición de todas aquelas bibliotecas e editoriais universitarias que queiran participar nesta innovadora experiencia.

PUBLICIDADE