A plataforma BlackBerry e o HTML5 centrarán varias actividades a vindeira semana

xoves, 11 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A semana que vén profesionais do desenvolvemento de software van ter unha axenda moi completa se o desexan, pois como xa comentamos o pasado luns, o vindeiro día 18 ás 19:30 horas vai celebrarse en Vigo a cuarta edición de Betabeers, encontro no que Jorge del Casar, quen vai introducir aos asistentes a HTML5/WebWorks, servindo este evento tamén para dar a coñecer o proxecto web DeVinosporGalicia e, moi especialmente, para dar a coñecer o grupo oficial de desenvolvedores de BlackBerry da nosa comunidades autónoma, BBDevGalicia, converténdose o Betabeers no primeiro encontro deste colectivo que pretende celebrar entre 8 e 10 xuntanzas ao ano para debater acerca do desenvolvemento para a plataforma BlackBerry.
Pero Jorge del Casar non vai limitar a súa actividade en Vigo coa súa participación no Betabeers, senón que os profesionais que desexen mellorar a súa formación en HTML5 e JavaScript poderán inscribirse a un obradoiro que imparte este especialista o venres 19 durante 8 horas, custando tal actividade 125 euros e estando limitada a 25 asistentes que poden inscribirse na actividade a través de Servinova.
O sábado 21 tamén está previsto que se celebre en Santiago de Compostela unha BlackBerry 10 Jam hackaton, da que procuraremos achegar información cando se coñezan máis detalles sobre o que promete ser unha interesante oportunidade para os que queiran mergullarse na plataforma de software que lanzará RIM a primeiros de 2013.

PUBLICIDADE