A nova edición de Curtocircuíto achegará novos obradoiros audiovisuais a Compostela

luns, 17 de setembro do 2007 Raquel Noya

Do 16 ó 20 de outubro terá lugar en Santiago de Compostela, unha nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes máis recoñecido e prestixioso da capital de Galicia, Curtocircuíto, que este ano celebra xa a súa cuarta tempada. Desta volta, amais das seccións habituais que se viñan levando a cabo dende o comezo do festival (Curtocircuíto na rúa, Curtocircuíto na Rede...), a Concellaría de Promoción Económica presenta un interesante programa de actividades no que se inclúe o obradoiro de creatividade, Creatividade pura e dura, impartido por Marga Iñiguez; o de story board, O guión gráfico, impartido polo debuxante Raúl González; e o de videocreación en directo, A creación visual, levado a cabo por DVJ OFF, un dos pioneiros da difusión da videocreación como disciplina artística en Europa.
Este último obradoiro terá lugar na Sala Nasa o vindeiro 19 de outubro. Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición a partires de hoxe -luns 17 de setembro- na páxina web do Festival, www.curtocircuito.org.

PUBLICIDADE