A nosa tecnoloxía Smart City, no punto de mira de México e Perú grazas a Ineo

luns, 13 de abril do 2015 Redacción

Jorge Cebreiros, presidente de INEO, nunha imaxe recente publicada en El Correo Gallego

Os días 20, 21 e 22 de abril Ineo, a Asociación de Empresas TIC de Galicia, levará a cabo unha iniciativa sobre cidades dixitais no que tamén participarán 15 mandatarios de México e Perú, estamos a falar da Misión Inversa a Galicia. Na delegación americana figuran alcaldes e representantes das municipalidades peruanas de Lima, Lince, San Juan de Miraflores e Carabayllo; dos concellos mexicanos de Cozumel, Monclova, Saltillo e Atizapán de Zaragoza; e de institucións como o Sistema Público de Radiodifusión do Estado Mexicano e o Instituto Tecnolóxico da Produción de Perú. Engadir que esta Misión está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e conta coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
O obxectivo deste encontro é fomentar e consolidar a internacionalización das empresas galegas mediante o contacto directo con mandatarios destes países que, por historia, idioma e cultura, conforman mercados cun alto potencial para a xeración de negocio, neste caso relacionado con produtos e servizos do eido das Smart City.
Indo ao miolo deste evento, a Misión comezará cun acto inaugural de acceso público, aberto a
todos os interesados, que terá lugar o luns 20 de abril, a partir das 9:30h, no Hotel Palacio do Carme (Santiago de Compostela). Nel intervirán o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros; o director da área de Internacionalización do IGAPE, Abel Veiga; e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro. A continuación, os 15 mandatarios participantes farán unha presentación das entidades ás que representan explicando as súas necesidades tecnolóxicas.
Xa pola tarde, e durante as dúas xornadas seguintes, estes mandatarios estarán a disposición das empresas, tanto para manter reunións individuais coma para visitar as súas instalacións ou as dos seus clientes e comprobar directamente o funcionamento das ferramentas e solucións tecnolóxicas introducidas. Para máis información cómpre ver o programa en formato pdf da Misión Inversa a Galicia.

PUBLICIDADE