A metade dos móbiles de segunda man que se venden teñen datos persoais do vendedor

venres, 15 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Un teléfono móbil que se bota ao colector de reciclaxe, ou que se empresta ou se vende, non é simplemente un teléfono móbil, todo tecnoloxía e sen nada de contido. Segundo apunta un estudo elaborado por Disklabs, empresa centrada en servizos de datos, arredor da metade dos aparellos de segunda man inclúen datos persoais dos seus antigos donos, datos non suprimidos ao cen por cen, o que máis ou menos significa que o agarimo que algún de nós amosa polo trebello de toda a vida está máis que xustificado. Leas aparte, a cousa non semella ter tanta chispa se temos en conta que unha boa parte dese ronsel do usuario ten que ver cos números da tarxeta de crédito, as mensaxes persoais ou mesmo con fotografías que nunca amosariamos en familia.
A investigación, reflectida en detalle por NoticiasDot, fíxose sobre a base de 50 terminais de segunda man mercados na web de poxas en liña Ebay. Un repaso en detalle destes aparellos saldouse coa achado de datos persoais dos seus antigos propietarios en máis do 60% dos casos, incluíndose cousas curiosas como o último número de teléfono ao que se chamou, vídeos ou mesmo información de axenda.
Nove delas levaban no seu miolo material pornográfico, cousa que podería complicarlle a vida a máis dun vendedor ou vendedora, e máis tendo en conta que quen ten móbil ten destinatarios aos que enviarlles ese material, e non todos terán respecto pola privacidade do que se envía. A maiores, nove dos móbiles que se avaliaron daban acubillo a un número IMEI (International Mobile Equipment Identity) alterado, o que probablemente se deba a que foron obxecto de roubo, polo que xa non poderán ter acceso á Rede. O problema de todo isto ten a súa raizame na crenza xeneralizada de que abonda con borrar mensaxes e demais datos dos nosos móbiles para non deixar rastro das nosas pegadas neles. Non, a cousa é máis enleada, e segundo se conta dende Disklabs, a mellor das opcións posibles é recuperar a configuración de fábrica do aparello.

PUBLICIDADE