A liberación do segundo dividendo dixital suporá unha nova reantenización da TDT

mércores, 24 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Fontes do Ministerio de Industria (en funcións) estarían a confirmar que teremos que padecer un novo proceso de antenización antes de 2020

Nas últimas semanas iniciou o desembarco de novas canles de televisión dixital terrestre (TDT) coa vantaxe de que, desta volta, o proceso non require dunha custosa reantenización, senón, simplemente, da resintonización das canles nos televisores, pero posiblemente a moitos consumidores non lles resulte agradable saber que a incorporación de novas canles na grella da TDT é só temporal, xa que xa está programada unha segunda liberalización do dividendo dixital, que requiriría un novo proceso de antenización.
Ao parecer, o segundo dividendo dixital liberaría a banda que vai dos 690 aos 790 MHz (equivalente ás canles de UHF entre o 50 e o 60) para ofrecer servizos móbiles, na mesma liña do que está a facerse agora coa banda dos 800 MHz, estando previsto este novo cambio para o ano 2020, sendo un procedemento que regulará a Unión Europea para que se realice unha liberación correcta.
Por fortuna, o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre xa prevía a liberación da banda dos 700 MHz, de xeito que non se asignaron novos programas nese espazo que confían en poder empregar para o 5G a partires do 30 de xuño de 2020, encargándose aos Estados membros da Unión que regulen a liberación desas frecuencias antes do 30 de xuño de 2017.
Cómpre salientar que no caso da provincia da Coruña as únicas canles que terían licenza na banda dos 700 MHz serían televisións de ámbito local que actualmente non están a emitir pese a ter concesión, polo que é probable que a provincia poda salvarse da reantenización, algo que non acontecería no resto de provincias galegas, onde na banda afecta contarían con emisións estatais e autonómicas, o que provocaría un proceso de reordenamento de frecuencias bastante importante.

PUBLICIDADE