A innovación editorial, ao descuberto nunhas xornadas que comezan o día 4 en Santiago

mércores, 3 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego vén de pór en marcha a primeira edición do programa Trends&Creativity, unha serie de xornadas informativas sobre tendencias e recursos para a mellora da competitividade e a innovación das nosas empresas. A iniciativa, que se inaugura este xoves 4 de novembro en Santiago, “é unha aposta decidida pola creatividade como a actitude clave nas estratexias de innovación empresarial que contribúe a xerar unha nova maneira de pensar”, sinalan fontes do Cluster. As actividades celebraranse no Hotel Os Abetos de Santiago, durante os días 4, 11, 18 e 25. A xornada do día 4, mañá, servirá para dar acubillo á sinatura dun acordo de colaboración entre o Cluster e a futura asociación Creatividade Galega, co finalidade de fomentar o espírito innovador entre as nosas compañías.
As sesións contarán coa presenza de axencias como BAP Conde, Elogia (especializada en publicidade en liña), o Club de Interactivos Edelman ou Publicis, que darán conta dos seus casos de éxito.
O ciclo de seminarios divídese en varias quendas. Polas mañás buscarase achegar unha visión das novas tendencias e produtos de Internet que están a revolucionar o mercado, “de maneira que as empresas poidan incorporar novas ferramentas para o desenvolvemento do seu negocio”. Os seráns encamiñaranse a formar aos participantes en recursos e ferramentas que dean forma e impulsen a innovación.

PUBLICIDADE