A industria da música non ergue cabeza, malia o éxito da dixital

venres, 13 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Unha parte da industria da música mundial busca alternativas ó seu decrecente negocio en Internet mentres a outra parte fica ancorada no pasado soñando cos tempos en que os pobres incautos (nós os consumidores) pagábamos 20 euros por unha novidade discográfica e non viña ninguén para dicirnos que estabamos a facer o parvo facendo tal desembolso por un obxecto (o soporte) que non chegaba nin antes nin agora ós 20 céntimos.
Sexa como sexa, malia que semella estar a consolidarse certa vía intermedia e moderadamente satisfactoria tanto para a parte da industria da que falabamos ó principio deste texto e os afeccionados á música (na Rede, descargando música legal, estes adquiren produtos máis económicos que en ningún caso chegan ós devanditos 20 euros), o sector segue sen saír realmente adiante. Así o di a que probablemente sexa a entidade máis interesada en relembralo: a Federación Internacional da Industria Fonográfica (IFPI, polas súas siglas en inglés).
Os principais males, di, seguen a ser os mesmos de sempre: a piratería e a competencia polo gasto dos clientes, que desencadearon unha caída do 4% nas vendas de música no primeiro semestre de 2006. E todo iso, malia o éxito da música dixital.
As cifras están así: ó longo do devandito período, as vendas descenderon en 13.700 millóns de dólares, provocado sobre todo pola caída en picado da venda de CDs nos lugares habituais de distribución. No primeiro semestre, as vendas dixitais (as que se fan pola Rede), subiron un 106 por cento até acadar os 945 millóns de dólares, supoñendo hoxe en día un 11 por cento do total do mercado de música gravada, en comparación coa taxa do 5,5% acadada a finais de 2005.
Sexa como sexa, e volvendo ás vendas de CDs tradicionais, a previsión que no segundo semestre melloren as cifras grazas, entre outras cousas, á campaña do Nadal, que é en definitiva cando menos osíxeno debe chegar ós nosos cerebros, e menos nos importa que nos pidan nas tendas un billete dos azuis (cun 20 ben grande) por unha nova escolma dos grandes éxitos de The Beatles, por exemplo.

PUBLICIDADE